Friday 17 de May de 2024

Adxudicado o acondicionamento dunha nova área de Atención Cidadá na pranta baixa da Casa Consistorial de Riveira


Prevese que o servizo entre en funcionamento antes do verán

A Xunta de Goberno Local do Concello de Riveira aprobou na súa sesión de hoxe unha nova actuación consistente no acondicionamento dun local situado no Consistorio municipal co fin de establecer unha nova área de Atención Cidadá.

A empresa Vioder, S.L., resultou a adxudicataria da actuación, que ten un orzamento de 105.756 euros. O prazo de execución son tres meses.

Diáfano
O espazo acondicionado estará conformado polo que ocupou no seu día a Policía Local antes do seu traslado ás novas dependencias. Cunha superficie construída de 182,96 metros cadrados e unha superficie útil de 157,58 metros cadrados, preténdese convertelo nun lugar diáfano no que se diferenciarán un control de información (22 metros cadrados), unha sala de espera (14 metros cadrados) e unha gran zona de atención personalizada (68,6 metros cadrados).

Ademais, contará con catro despachos independentes (dous de 6,5 metros cadrados e outros dous de 11,8) e dous aseos.

Unha vez acometidas as obras, espérase que o novo Servizo de Atención Cidadá entre en funcionamento antes do verán. Este espazo ten o obxectivo de prestar ao cidadán unha atención personalizada, de tal xeito que os veciños podan nun único punto, e de forma cómoda, áxil e accesible, cumprimentar a inmensa maioría dos trámites que habitualmente se realizan nas administracións locais, evitando ingratas perdas de tempo e percorridos polos pasillos.